| 
  • If you are citizen of an European Union member nation, you may not use this service unless you are at least 16 years old.

  • Dokkio Sidebar applies AI to make browsing the web faster and more productive. Whenever you open Sidebar, you'll get an AI summary of the web page and can ask any question you like about the content of the page! Try Dokkio Sidebar for free.

View
 

Canta o cuco - Uxía e Magín na casa de Manuel María

Page history last edited by jose 7 years ago

 

Uxía e Magín (na casa de Manuel María) - Canta o cuco

(Libro+CD - Sonárbore, Galaxia 2015)

 

 

 

CANCIÓNS

 

01. O RÍO - O MAR

02. POEMIÑA PARA NAMORAR UNHA ROSA

03. A VACA

04. O LAR

 05. O MEU CUARTO - TEATRO DE GUIÑOL

06. A RODA-RODA

07. TRABALLOS DE TODO O ANO

08. O CARRO

09. A CIDADE

10. O CUCO

11. AMO ESTA TERRA

12.TODO ME FALA DE TI

13.DORNA

14.PANXOLIÑA DA NEVE

15.GALIZA (Recitado)

 

 

LETRAS

 

01. O RÍO - O MAR

 

O río pasa correndo,
non se para con ninguén.
O río canta prás cousas
e canta pra min tamén.
¡O río canta prás albres

paxareiras da ribeira!
¡O río canta prós prados

e prás nubes viaxeiras!

Ti nunca viches o mar
cos seus berros bruadores,
coas súas escumas de prata,
cos barcos e pescadores.
-¿Ti nunca viches o mar
a tecer e destecer
ondas azuis que van
á praia branca a morrer?

Non lle preguntes ó río
ónde vai, de ónde ven.
¡O río pasa correndo!

¡O río non se entretén!

O río pasa correndo,

nunca deixa de pasar.

¡Vai dicindo a súa canción

e non se pode parar!

-¿E ti non sabes que o mar
é unha inmensa longura,
auga e ceo, ceo e auga,
maxestade e fermosura?
-¿Ti nunca viches o mar?
¿E sabes que non repousa?
-¡Se nunca viches o mar
non viches ningunha cousa!

O río... O mar...

 

A todos dí o seu cantar

con escuro e claro son.

¡A todos di o seu cantar

anque llo escoiten ou non!

("Os soños na gaiola", 1968)

 

02. POEMIÑA PARA NAMORAR UNHA ROSA

 

A rosa rosiña está na roseira
moi coloradiña, feliz e riseira.
A rosa rosiña de tanto lucir
a mesma alborada a pode ferir.
A rosa rosiña está no rosal:
¿Ti queres ser miña, rosiña lanzal?
A rosa rosada de tenro mencer,
¡É tan delicada que pode morrer!
 
Pra rosa rosiña fachenda de Maio
¡incluso é espiña a flor dun salaio!
A rosa rosada xa é miña amiga:
¡quedou namorada con esta cantiga!

("As rúas do vento ceibe", 1979)

 

 

03. A VACA

 

A señora Vaca traballa sen tasa,
mantén a súa cría, dá leite prá casa.
A señora Vaca non dá descansado,
tira polo carro e arrastra o arado.
A señora Vaca ten a cor teixa
sófreche en silencio pero non se queixa.
A señora Vaca vai do monte ó prado
e do prado ó curro con ar resignado.

A señora Vaca non dá descansado,
traballa sen tasa, vai do monte ó prado.
 
A señora Vaca é humilde e mansa:
¡non sei que misterio na súa ollada cansa!
¡Non sei que misterio ten nos ollos quedos
que semellan feitos de noites e medos!
A señora Vaca traballa sen tasa,
mantén a súa cría, dá leite prá casa.
A señora Vaca non dá descansado,
tira polo carro e arrastra o arado.

A señora Vaca non dá descansado,
traballa sen tasa, vai do monte ó prado.

 

¡Non sei que misterio ten nos ollos quedos
que semellan feitos de noites e medos!

("Os soños na gaiola", 1968)

 

 

04. O LAR

 

Vivimos nun bloque enorme
ocupando o cuarto andar.
Neste edificio disforme
nós temos o noso lar.

Xanelas cuadriculadas
sen horizonte ou paisaxe.
No portal elevadores
e no sótano o garaxe.

Desde as xanelas eu vexo,
con certo medo e receo,
antenas de televexo
e as nubes que están no ceo.

Non temos porcos nin vacas,
nin lareira, pozo e aira.
Non temos hórreo, nin horta,
nin cerdeira, nin mazaira.

Mais temos aspiradora,
xiradiscos, fregadeira,
televexo, batidora
e unha estupenda neveira.

Eu teño unha habitación
toda chea de briquedos:
¡é cómo un reino fadado
onde gardo os meus segredos!

O lar, meu lar, o lar, o noso lar...

("As rúas do vento ceibe", 1979)

 

 05. O MEU CUARTO - TEATRO DE GUIÑOL

 

Eu teño na miña casa

un cuarto só para min,

nel gardo soños sen tasa

e fantasía sen fin.

 

E teño unha cachiporra

¡que mete uns estacazos

tan feroces e potentes

que semellan canonazos!

 

O meu teatro é un mundo.

Os personaxes que invento

¡teñen vida, fantasía

e doulles coñecemento...!

 

Eu represento comedias,

dramiñas, dramas, dramós

¡cos meus bonecos que rin,

cos meus bonecos chorós...!

("As rúas do vento ceibe", 1979)

 

 

06. A RODA-RODA

 

Están en corro as meniñas
formando unha roda-roda.
E cantan esta canción
que nunca pasa de moda.

Están no corro as meniñas,
roda que te rodarás.
Están no corro as meniñas
cantando o mesmo compás:

Polo fondo do mar,
matarilerile;
polo fondo do mar,
matarilerón
vai voando unha sardiña
cunhas alas de latón.

Están no corro as meniñas,
roda que te rodarás.
Están no corro as meniñas
cantando o mesmo compás:

Polo fondo do mar,
matarilerile;
polo fondo do mar,
matarilerón
vai voando unha sardiña
e nadando un avión.

A tarde xa vai caendo.
E as nenas xa se cansaron.
As súas voces algareiras
como os páxaros voaron.

 

Están en corro as meniñas
formando unha roda-roda.
E cantan esta canción
que nunca pasa de moda.

 

Polo fondo do mar

("Os soños na gaiola", 1968)

 

 

07. TRABALLOS DE TODO O ANO

 

Eu traballo todo o ano,

traballo no campo todo o ano...

 

A esfenda e a demouca é en Febreiro.
Bótanse as patacas en Marzo raioleiro,
seméntase tamén trigo marceiro.

 

Bótase o millo da xente por Abril
cando o cuco saíu do seu cubil,
en Maio longo estará sachado il.

 

Polos días grandes do San Xoan
cóllese a nabiña, o lume novo fan;
mércanse as fouciñas pra segar o pan.

 

No mes da Sega o sol pica moi duro,
ó segar o pan, o trigo está maduro;
mes de moito traballo e moito apuro.

 

Estamos no Agosto: a malla e a gadaña
que quere pouca forza e moita maña;
hai que botar os nabos, se barbaña.

 

O de Setembro é o mes de San Miguel:
apaña as patacas, non hai mes como el;
é tempo de ver se os trobos teñen mel.

 

No Outono hai que ir ó San Froilán:
mozos, homes, vellas, nenas, todas van
e voltan de presa pra outonar o pan.

 

Por San Martiño ¡ollo! porcos cebados,
os magostos, os capós arrombados
e abrir regos en lameiros e prados.

 

O tempo de Nadal é frío e ventureiro.
Noiteboa. ¡Se hai leña no unlleiro
chegarán os Reises a entrada de Xaneiro!

 

Eu traballo todo o ano,

traballo no campo todo o ano....

("Terra Cha", 1954)

 

 

08. O CARRO

 

Teño un carriño cantor,
teño un carro cantareiro
con fungueiros afiados
e con eixo de amieiro!

O meu carro canta ben,
non pode cantar mellor.
Meu carriño cantareiro,
meu carriño cantador!

O meu carro canta, canta;
nunca cansa de cantar.
De día cántalle ao sol;
de noite canta ao luar!

O meu carriño cantor:
cantas agora e despois.
Con que fachenda te leva
a parelliña de bois...!

Teño un carriño cantor,
teño un carro cantareiro
con fungueiros afiados
e con eixo de amieiro!

O meu carro canta, canta;
nunca cansa de cantar.
De día cántalle ao sol;
de noite canta ao luar!

(Os soños na gaiola, 1968)

 

 

09. A CIDADE

 

A cidade ten castelo

e muralla medieval,

o museo ¡hai que velo!,

e unha rúa principal.

¡Qué conxunto tan fermoso

con igrexas e xardís

e cun río caudaloso

veireado de xasmís...!

 

A cidade ten cafeses,

whiski-clubs e polución,

cementerio con cipreses

e un fermoso Malecón.

 

A cidade ten escolas

e ten cines e teatros.

¡Ten douscentos parvacholas

e trescentos maragatos!

A cidade nunca tivo

nin industria ou desenrolo.

¡Soio un comercio cativo

e o seu consabido tolo...!

 

A cidade ten paseos,

barrios bellos, arrabais,

chabolismo, rañaceos

e gardas municipais.

 

A cidade ten castelo

e muralla medieval,

o museo ¡hai que velo!,

e unha rúa principal.

¡Qué conxunto tan fermoso

con igrexas e xardís

e cun río caudaloso

veireado de xasmís...!

 

A cidade ten paseos,

barrios bellos, arrabais,

chabolismo, rañaceos

e gardas municipais.

("As rúas do vento ceibe", 1979)

 

10. O CUCO

 

Desleixado e preguiceiro,

tan só pensas en folgar.

¡Soamente dis dúas notas

e xa tes que descansar!

 

Canta, cuco, ou cala, cuco:

eu en ti xa non che creo

desde que sei que vas poñer

o teu ovo en niño alleo.

 

¡Canta, cuco, ou cala, cuco,

preguiceiro, nugallón:

a min pouco che me importa

que esteas cantando ou non!

("Os soños na gaiola", 1968)

 

11. AMO ESTA TERRA

 

Amo esta terra desnuda e luxuriosa,

a terra que nos ten e nos devora:

esta amante fatal que nos namora

coa súa graza lixeira e poderosa.

Amo esta dona que cala, rie, chora,

que se mostra atrevida e pudorosa,

que produce a camelia e maila rosa

e que, logo da noite, trae a aurora.

Amo esta marabillada terra en flor,

as lúcidas lumieiras do sentido

e o delicadísimo lume do amor.

Só, de verdade, vale o amor vivido,

aquel que pode vencer a nosa dor

e liberarnos da nada e do olvido.

("Os lonxes do solpor", 2012)

 

12.TODO ME FALA DE TI

 

Ó andar a nosa terra todo me fala de ti:

Un paxaro na silveira

e un ramiño de alecrín.

Unha fonte cantareira,

o muiño roulador,

unha fouce e unha estrela

e un ventiño arrolador.

Unha vella muiñeira,

o arrepío do violín,

unha nube viaxeira

e un río que non ten fin...

Ó abrir unha xanela

chega a nos coma un rumor,

a señardade da terra

desde os lonxes do solpor.

Unha lúa soñadora

brilla para nós tamén,

un despois e un agora

que se xuntan no mencer.

Un aradiño de pau,

o asubío rebuldeiro,

unha oda azul e branca,

un chapeu e un setestrelo.

Canta cuco, ou cala cuco,

tan só pensas en folgar,

canta cuco, canta cuco

pra que soñe a Terra Chá!

Ó andar a nosa terra todo me fala de ti...

 

 

13.DORNA

 

Non hai dorna como a miña
tan xentil e tan lixeira.
Miña dorna ben feitiña!
Miña dorna mariñeira!
Miña dorna mariñeira!
Miña dorna ben feitiña!
Tan xentil e tan lixeira,
non hai dorna como a miña.

Miña dorna destemida
non lle tremes ó trebón.
Qué valente! Qué portento!
Què potente embarcación!

Miña dorna sempre avante
atravesas todo o mare.
Qué fermosa! Qué elegante!
Qué ben sabes navegare!
Qué ben sabes navegare!
Qué fermosa! Qué elegante!
Atravesas todo o mare,
miña dorna sempre avante.

Eres leve como o vento
E compites con baixeles.
Qué alegría! Qué portento!
Subes, baixas, fas ronseles...!

Non hai dorna como a miña
tan xentil e tan lixeira.
Miña dorna ben feitiña!
Miña dorna mariñeira!
Miña dorna mariñeira!
Miña dorna ben feitiña!
Tan xentil e tan lixeira,
non hai dorna como a miña.

Miña dorna que dialogas
con estrelas máis remotas:
Cómo corres! Cómo bogas!
Cómo vences as gaivotas.
Miña dorna sempre avante
atravesas todo o mare.
Qué fermosa! Qué elegante!
Qué ben sabes navegare!

("As rúas do vento ceibe", 1979)

 

14.PANXOLIÑA DA NEVE

 

A neve atopou o niño 

no corazón do Nadal.

A neve atopou o niño

nas follas do carballal.

 

Nas follas do carballal

a neve entrou amodiño,

que quer cantar no Portal

unha canción ó Meniño.

 

¡Están luceiros brillando!

¡As estrelas alumean!

¡O río baixa cantando

e os lobos xa non ouvean!

¡E os lobos xa non ouvean!

¡Están luceiros brillando!

¡As estrelas alumean

e o río baixa cantando!

 

E quer cantarlle ó Meniño

a neve do carballal.

E quer cantarlle amodiño

con voz limpa de pardal.

 

A neve atopou o niño,

¡milagre polo Nadal!

¡Halle cantar ao Meniño

a neve do carballal!

 

¡Están luceiros brillando!

¡As estrelas alumean!

¡O río baixa cantando

e os lobos xa non ouvean!

¡E os lobos xa non ouvean!

¡Están luceiros brillando!

¡As estrelas alumean

e o río baixa cantando!

 

San Xosé estaba ledo.

Moito máis leda María.

O Neno Deus, no barrelo,

como un sol novo sorría.

("Panxoliñas", 1992)

 

15. GALIZA

Galiza docemente está ollando o mar:
¡ten vales e montañas e terras para labrar!
Ten portos, mariñeiros, cidades e labregos
¡cargados de traballos, cargados de trafegos!
Galiza é unha nai velliña, soñadora.
¡Na voz da gaita rise, na voz da gaita chora!
Galiza é o que vemos: a terra, o mar, o vento...
¡Pro hai outra Galiza que vai no sentimento!
Galiza somos nós: a xente e mais a fala
¡Se buscas a Galiza en ti tes que atopala!

("Os soños na gaiola", 1968)

 

Créditos:

Todas as letras de Manuel María, agás "Todo me fala de ti", de Magín e Uxía.

Todas as músicas de Uxía e Magín.

Gravación, mesturas e masterización: Guillerme Fernández.

Arranxos: Santi Cribeiro,Guillerme Fernández, Magín Blanco e Uxía.

Dirección musical: Santi Cribeiro.

 

Guillerme Fernández: guitarras acústicas e percusión

Santi Cribeiro: acordeón

Magín Blanco: Voz e guitarra

Uxía: voz

 

Estudo de gravación: A cova dos peixes

 

Colaboracións:

Isaac Palacín: percusión

Pablo Vidal: contrabaixo en "O rìo - o mar", "O lar" e "A vaca"

Raquel Domínguez: gaita en DO en "Dorna"

Pablo Ces: bombo en "Dorna"

Andrés Giráldez: tambor en "Dorna"

As Mosas (Chus, Ana e Uxía): voces en "Traballos de todo o ano" e "Roda-Roda"

Carlota, Xiana, Julia, Ruí, Paulo e Carlota Menéndez: voces en "Roda-Roda"

 

Ilustracións: Leandro Lamas

Deseño e maquetación: Dubidú Estudio Gráfico / David de la Iglesia

 

Editorial Galaxía S.A: 2015

 

Comments (0)

You don't have permission to comment on this page.